Conclusións da I Asemblea Técnica Forestal Galega



MESA 1 | Evolución do uso da madeira no medio rural

· A madeira constitúe un material natural empregado en Galicia, especialmente no medio rural. Tradicionalmente tratábase dun material empregado de maneira funcional por e para os habitantes das propias áreas rurais.

· O estudo do patrimonio etnográfico e as construcións tradicionais vai xerar oportunidades de aplicación de solucións á arquitectura actual e indubidables vantaxes medioambientais.

· A Madeira tamén é un material innovador onde poden ser aplicadas as técnicas máis modernas de deseño e fabricación e que conta cun ciclo de vida moito más eficiente e respectuoso co medio.

· Ademais a madeira é un recurso renovable e xestionable no territorio, que pode ser reutilizable e reciclable en diversos usos ao longo da súa vida útil.

· O fomento do emprego de madeira tanto en usos construtivos como en outros usos, e tanto en vivenda residencial, turística  ou en instalación vencelladas a explotacións agrogandeiras supón un elemento de competitividade do noso medio rural no futuro.

· Porén é necesario que a madeira sexa usada con responsabilidade evitando defectos de instalación ou deseño que podan poñer en perigo todas estas vantaxes

 

MESA 2 | Deseño construtivo en madeira

· É necesario coñecer o comportamento da madeira e non reproducir unicamente os conceptos aprendidos para outros materiais (aceiro, formigón, ). Así entre outros aspectos hai que ter en conta tanto tensións paralelas como perpendiculares ás fibras. Tamén hai que ter presentes a necesidade de liberdade de movementos da madeira nos enlaces que nos leva a un predominio das solucións tipo articuladas fronte aos empotramentos ríxidos.

· A redución da sección das correas de madeira pode conseguirse con tornapuntas, tirantiñas e arriostramentos, etc. As correas continuas supoñen un aforro de madeira de arredor dun 18% sobre o uso de correas simples, As correas con unións desprazadas permiten aforrar ate un 28% do volume de madeira necesaria.

· É posible desenvolver prototipos de estrutura de madeira para uso de construcións rurais aproveitando pezas de pequena dimensión serradas ou en rolo. O custe da madeira para os distintos prototipos oscila entre 17 e 55 €/m2.

· O programa de deseño de estruturas de madeira aborda todos os aspectos do proxecto. Permite o cálculo de escuadrías, medicións, optimiza o número de pezas standar a comprar para que o desperdicio sexa mínimo. Proporciona planos de cada peza, incluíndo cortes necesarios e planos de montaxe para facilitalo.

· As máquinas de control numérico permiten unha mellor aplicación do programa.

 

MESA 3 | O papel da administración no fomento

· A madeira é un recurso estratéxico na construción agrogandeira e forestal polas súas características renovables, vantaxes ambientais e de calidade de vida.

· Ademais de realizar as tarefas de sensibilización, difusión e formación en prol do uso da madeira no rural, a administración debe tomar a iniciativa con actuacións concretas no territorio que poidan ser exemplarizantes.

· A administración debe procurar unha discriminación positiva nas distintas liñas de axudas que permitan recuperar á madeira o camiño perdido no ámbito construtivo.

· Os plans de mellora e as axudas de incorporación de mozos constitúen potentes ferramentas estruturais do agro no que teñen acollida actuacións con uso en madeira. Este tipo de axudas mobilizou 210 millóns de euros nos últimos tres anos.

 

MESA 4 | Aplicacións do uso da madeira

· Temos empresas capacitadas para ofrecer produtos e servizos de calidade no uso da madeira no rural.

· Existen unha gran parte de pequenas obras que poden ser executadas en madeira, existindo distintas empresas galegas que poden realizar a súa execución.

· Constátase a falta de materia prima de calidade para o desenvolvemento de determinados produtos e actuacións.

· A innovación e a aposta tecnolóxica, permite unha mellora na competitividade das empresas do sector da madeira estrutural.


     
     
     
   
   
   
Que é Foresgal? | Contacto | Foresgal 2007 | Foresgal 2008 | arriba | volver
   
   
 

 
FORESGAL | feira forestal internacional | Pazo de Feiras e Congresos de Lugo | Av. dos Deportes s/n | 27004
tel (0034) 982 285 200 | foresgal@foresgal.com